
VI Congreso Internacional do Campus Auga
O VI Congreso Internacional do Campus Auga, baixo o título “Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais”, preséntase como un espazo de referencia para comprender como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e a resposta aos grandes retos ecolóxicos do noso tempo.
Nun escenario global marcado pola presión sobre os recursos naturais, a intensificación dos fenómenos climáticos extremos e a necesidade de avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis sostibles, este congreso propón unha mirada integradora e estratéxica sobre o potencial das tecnoloxías aéreas e espaciais.
O encontro buscará reunir a investigadores, profesionais, empresas tecnolóxicas, entidades do sector primario e administracións públicas, creando unha contorna única para o intercambio de coñecemento e a xeración de sinerxias. O eixo central do congreso será a interrelación entre satélites, plataformas de gran altitude (HAPS), drons e tecnoloxías de teledetección, ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio.
Ao longo do programa, presentaranse os avances máis recentes en ámbitos chave como:
- Monitorización de cultivos e agricultura de precisión, con aplicacións que permiten optimizar rendementos, reducir custos e minimizar impactos ambientais.
- Xestión eficiente da auga, un recurso cada vez máis escaso, mediante sistemas de observación capaces de anticipar necesidades e mellorar a planificación hídrica.
- Prevención e xestión de incendios forestais, onde a información en tempo real e os modelos preditivos convertéronse en aliados imprescindibles.
- Impactos do cambio climático, analizados desde unha perspectiva transversal que conecta ciencia, tecnoloxía e políticas públicas e onde modelos de predición ambiental que integran datos aeroespaciais permiten anticipar riscos, avaliar escenarios e apoiar a toma de decisións.
No congreso combinaránse relatorios, mesas redondas con expertos multisectoriais e casos reais que mostran como estas ferramentas xa están a transformar a xestión ambiental en múltiples sectores. Esta diversidade de formatos permitirá aos asistentes coñecer tanto os fundamentos científicos como as aplicacións prácticas que están a marcar tendencia.
Máis aló da presentación de resultados e proxectos, o VI Congreso Internacional do Campus Auga concíbese como un punto de encontro estratéxico para impulsar a colaboración entre sectores, fomentar a transferencia de coñecemento e promover solucións innovadoras que reforcen a resiliencia ambiental. A súa vocación é clara: contribuír a que a sociedade dispoña de mellores ferramentas para afrontar os desafíos presentes e futuros.