Presentación
A auga, substancia sobre a que se asenta a especialización do Campus universitario de Ourense, constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar.
O IV Congreso Internacional da auga, organizado pola Facultade de Dereito e titulado “Dereito e auga no horizonte 2030”, focalizará en 2022 o estudo e investigación do Campus Auga. O seu obxectivo prioritario é ofrecer, como en edicións anteriores, un punto de encontro para xerar e transferir coñecemento sobre aspectos significativos relacionados coa auga. Nesta ocasión o ámbito científico desde o que se analizará a auga como recurso natural, a súa xestión e uso sostible será o Dereito.
En concreto, abordaranse retos específicos da gobernanza da auga no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, desde unha perspectiva xurídica interdisciplinar e coa participación de especialistas de referencia. Entre outros, o acceso á auga e o saneamento como dereitos indispensables para unha vida humana digna, medidas para combater a contaminación e o quecemento global, a xestión sostible da auga, os seus usos e boas prácticas, a planificación hidrográfica ou a fiscalidade.
Para facilitar a participación de investigadores e profesionais vinculados ao ámbito da auga e o Dereito e crear un foro de diálogo, debate e reflexión crítica capaz de achegar conclusións relevantes, o Congreso estruturouse en dúas sesións consecutivas de 6 horas, con intervencións centrais de doce expertos nacionais e internacionais, seguidas de deliberacións, debate e comunicacións ao redor de tres bloques temáticos:
- Panel 1: Dereito á auga
- Panel 2: Auga e Sustentabilidade
- Panel 3: Xestión da auga
Os resumos das comunicacións aceptadas publicaranse como Pre-actas, sen prexuízo da edición en versión dixital, con ISBN, das Actas deste IV Congreso. As comunicacións que resulten seleccionadas serán publicadas nunha obra de autoría colectiva, xunto cos relatorios e achegas dos membros dos comités científico e organizador, nunha editorial xurídica de prestixio.